CAMIÑO DE SANTIAGO

No século IX o bispo Teodomiro recoñece un mausoleo coma a tumba do Apostolo Santiago o Maior. Dende ese momento a historia da cidade de Santiago, e mesmo de Europa, cambiaría totalmente.

Ao longo destes séculos, o camiño de Santiago e as súas peregrinacións relixiosas, culturais e turísticas, crearon un nexo de unión entre diferentes pobos e culturas de Europa.

 

 

  • Camiño Francés

Co recoñecemento da UNESCO como Patrimonio da Humanidade, este itinerario goza de maior recoñecemento internacional e posúe maior tradición histórica. O seu trazado a través do norte da Península Ibérica quedou fixado a finais de o século XI, e as principais vías deste Camiño en Francia e España ficaron descritas con precisión no Codex Calixtinus. Proveniente de Francia, entra en España por Roncesvalles, en Navarra, ou polo porto de Somport e continúa até Jaca, en terras de Aragón. Cruza a cidade de Pamplona, únese co aragonés en Puente la Reina (Navarra). Despois, atravesa localidades e cidades do norte de España tan significativas como Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Astorga, Ponferrada e Villafranca del Bierzo.

No tramo de Galicia, entra por O Cebreiro, continuando por Samos, Sarria, Potomarían, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino, última localidade até chegar a Santiago.

 

  •  Camiño do Norte

Esta ruta remóntase nos aos momentos inmediatamente posteriores ao descubrimento da tumba do apóstolo Santiago no 820, aproveitando os camiños astur-galaicos e sendo promovida pola monarquia asturiana.

A ruta comeza no País Vasco, continuando por Cantabria e Asturias. Alí, os peregrinos chegaban a Castropol, onde cruzaban a Ría de Ribadeo ou bordeaban a súa marxe dereita até a ponte de Santiago de Abres para pasar a terras galegas. Xa en Galiza, o itinerario partía de Ribadeo, internábase nos vales de Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo, Vilalba e Guitiriz e recibía a hospitalidade do mosteiro de Sobrado dos Monxes, antes de se unir en Arzúa ao Camiño Francés.

 

  • Camiño Primitivo

Ese camiño debe o seu nome a que foi o itinerario empregado polos primeiros devotos, posiblemente iniciada polo rei Afonso II o Casto, dende a capital do reino ástur, en Oviedo, até a tumba de Santiago, no primeiro terzo de século IX.

Comezaba na cidade de Oviedo, e entraba en Galicia por A Fonsagrada, Castroverde, Lugo e Palas de Rei, onde converxe co Camiño Francés.

 

  •  Camiño do Sueste - Vía da Prata

Partindo de Andalucía e Extremadura, segue o trazado dun das rutas romanas máis importantes do país, a da Vía da Prata.

Dende Córdoba, Sevilla, por Badaxoz, Cáceres e Salamanca, chegan os peregrinos a Galicia, mentres que outro ramal desvíase por Portugal, e entra en Galicia por Verín. Ámbolos dous continuan por distintos lugares, confluindo en Ourense. Dende alí percorren os concellos de Cea, Lalín, Silleda e Vedra, para chegar a Santiago.

 

  • Camiño Inglés

Dende Ferrol ou A Coruña, parte este camiño de Santiago, que foi usado polos peregrinos procedentes das Illas Británicas e doutros portos do norte de Europa, que chegaban ós portos da Coruña e Ferrol para emprende-lo camiño rumbo sur cara Santiago de Compostela.

No treito que parte de Ferrol continuábase por Neda, Miño, Paderne e Betanzos. Na ruta que nace na Coruña pasa por Cambre, Carral, Bruma, onde se une coa variante de Ferrol, continuando por Ordes e Sigüeiro.

 

  • Ruta do Mar de Arousa e río Ulla

Esta ruta conmemora a chegada a Galicia, por mar, do corpo do apóstolo Santiago O Maior, despois do seu martirio en Xerusalén no ano 44. Conta a lenda que os bispos Teodoro e Atanasio trasladaron os restos do apóstolo Santiago polo mediterráneo e pola costa atlántica ibérica, desembarcando a súa barca de pedra en Iria Flavia, nos arredores da actual vila de Padrón.

 

  • Camiño Portugués

Esta ruta nace polo século XII, ano no que se independiza o país portugués, sendo un dos máis ligados á cultura do camiño. Éste partía do Porto, continuando por Viana do Castelo e Caminha, e entrando en Galicia por Tui. Unha vez alí, a ruta seguía por Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Pontecesures e Padrón, onde se une coa Ruta Mar de Arousa e río Ulla.

 

  • Camiño de Fisterra-Muxía

Esta é a única ruta que non ten como meta a cidade de Santiago, xa que ésta é a súa orixe. Xa dende o achado do sepulcro do apóstolo Santiago, no século IX, os peregrinos continuaban a súa viaxe até a Costa da Morte, pasando por Negreira e Hospital, e guiados por un itinerario marcado no ceo pola Vía Láctea.

 

A Compostela Cup coma intercambio cultural

A Compostela Cup do Camiño espalla as súas fases locais por diferentes puntos dos Camiños de Santiago e a fase final dispútase na meta, en Santiago.

Deportistas chegados dende distintos puntos conviven durante o torneo, especialmente na fase final. Esta dimensión cultural da Compostela Cup do Camiño é parte do seu éxito xa que os deportistas coñecen outras realidades alleas a eles.

Ademais, durante as fases locais, promovemos o deporte por puntos de todos os camiños, enriquecendo e difundindo a oferta cultural deses puntos.

 

Queres coñecer máis sobre o Camiño de Santiago


Caixanova Fundacion Compostela Deporte Direccion Xeral Turismo Xunta de Galicia

Web creada e deseñada por Daniel Fraga Blanco utilizando o xestor de contidos Wordpress

Ver nota legal