TURISMO
Capital da comunidade autónoma de Galicia, Santiago de Compostela é unha cidade que combina á perfección tradición e modernidade. Tradición reflectida no legado arquitectónico e cultural herdado, onde as festas populares, os festivais anuais de música, cine e teatro, exposicións permanentes e itinerantes da propia historia da cidade son protagonistas durante todo o ano; e a modernidade manifestada a través da Universidade, con máis de 500 anos, cuias aulas engaden 30.000 estudiantes a unha poboación estable de máis de 100 mil composteláns.
Cos seus edificios románicos, góticos e barrocos, a cidade vella de Santiago é unha das máis fermosas zonas urbanas do mundo. As súas principais rúas -rúas do Franco, Vilar e Nova-, de orixe medieval, son paralelas entre si e levan, dende a praza do Toural, ás prazas catedralicias do Obradoiro, das Praterías e da Quintana, respectivamente, onde se atopan os monumentos máis antigos da cidade.
Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985, Santiago de Compostela destaca polo seu carácter multicultural e por ser meta dunha milenaria ruta de peregrinación: o Camiño de Santiago, que desde o século IX transformou esta paraxe do finis terrae en punto de encontro da fe e do pensamento do mundo occidental.
Santiago de Compostela, Patrimonio da Humanidade

Visita a nosa guía sobre Santiago de Compostela e descubre:
Os Camiños de Santiago
Conta a lenda que, alertado polas luces nocturnas que se producían no bosque de Libredón, o eremita Paio avisou o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen descubriu os restos de Santiago o Maior e de dous dos seus discípulos, no lugar que posteriormente se levantaría Compostela. A descoberta propiciou que o rei astur Afonso II, necesitado de cohesión interna e apoio externo para o seu reino, fixera unha peregrinaxe que anunciou no interior do seu reino e no exterior, a un novo lugar de peregrinaxe da cristiandade nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.
Ante o fluxo humano, era necesario converter o camiño cara ao sepulcro en algo máis que unha vía de tránsito; así fundáronse pousadas, hospitais e cemiterios, levantáronse pontes, construíronse igrexas, mosteiros e abadías e, por suposto, formáronse importantes núcleos de poboación que constitúen aínda na actualidade un gran legado artístico e cultural.
Se nun principio, a motivación principal para facelo camiño era relixiosa, agora faise por motivos culturais e artísticos, deportivos, por promesas, coñecer xente… sen dúbida, facelo camiño resulta importante e determinante para a vida de cada un.

Visita a nosa guía sobre o Camiño de Santiago e descubre: